miércoles, 9 de febrero de 2011

In memoriam - Benito Losada


Despois de todo o que se dixo o luns pasado no emocionante acto de despedida na Casa da Xuventude, pouco podemos engadir. Só que houbo un momento na segunda metade dos anos 80 en que esa bendita Casa era case o único lugar onde podiamos empezar a tocar os que daquela nin sequera sabiamos afinar unha guitarra. Tanto Última Fila como Viernes y los Robinsones tocaron na cafetería que había no primeiro piso (vaia ambentazo!), como na cancha de abaixo (concertos contra a entrada de España na OTAN, teloneos a aqueles franceses que atendían por Kalashnikhov...). Non eramos os únicos, por suposto, alí houbo actuacións de xente da cidade pero tamén de fóra. Logo, cando nos transformamos en Cosecha Roja, acampamos máis dunha vez na sala que o outro día se converteu en improvisado santuario laico, aproveitándonos da hospitalidade de Benito. Era con el con quen tratabamos. Sempre nos deu todo tipo de facilidades, e seguímonos tratando con afecto ao longo dos anos. Ben, o certo é que resulta ben complicado, por non dicir imposible, atopar a alguén que non fale ben del.

Viernes & Los Robinsone na cafetería da Casa da Xuventude

En fin, o que o luns non deixaba de darme voltas na cabeza é que, se algo nos temos que reprochar “os da música”, é non ter sabido sacarlle partido a todo o que Benito nos puido dar, pero eramos individualistas feroces, sempre incapaces da mínima organización colectiva, e non fomos quen de poñernos a altura da xente do comic ou a fotografía, por poñer un par de modelos a seguir.

O que ocupe o seu posto non vai facer esquecer a Benito. Será mellor ou peor, pero atopar a quen, sendo “simplemente” un funcionario, deixe na cidade a pegada reservada aos artistas antóllase cando menos improbable.
Carlos Rego

Cosecha Roja no salón de actos da Casa da Xuventude

Non hai moitos que fixeran tanto pola cultura de Ourense coma ti, Benito, tanto e tan ben feito, ata o último día. Outros, con menos, teñen rúas co seu nome.
Javier Doforno

O resto de membros de Burgas Beat queremos sumarnos a estas verbas escritas por Carlos Rego e Javier Doforno.

No hay comentarios: